Sofía Toro será a encargada de presentar a conferencia EXXPEDITION impartida pola famosa Lucy Gilliam
En 2011, Lucy Gilliam, investigadora ambiental, doutora en Ecoloxía Microbiolóxica e Ciencias do Solo, experta navegante e activista infatigable a favor dos mares, puxo en marcha, xunto con Emily Penn, o proxecto eXXpedition, unha serie de travesías mariñas nun veleiro tripulado unicamente por mulleres, co fin de facer visible o invisible; a polución plástica das augas e o seu efecto na saúde, non só dos océanos, senón tamén no noso corpo, especialmente o das mulleres. Durante varias semanas, 14 mulleres procedentes de campos tan distintos como a ciencia, a arte, o xornalismo ou a educación, recollen datos cos que xeran material inspirador para lograr o compromiso da sociedade no coidado dos mares. eXXpedition lanzou sete viaxes polo Atlántico, o Ártico ou o Caribe, e xa se está preparando a aventura de 2017. Ven coñecer a Gilliam, unha muller que foi capaz de xuntar ciencia, navegación, arte, activismo e saúde nun proxecto liderado por mulleres.
Lucy Gilliam estará acompañada por Sofía Toro, coruñesa campioa olímpica de vela en Londres 2012, que será a encargada de presentar o acto. Ao finalizar a charla, haberá unha quenda de preguntas e respostas.
Lucy Gilliam impartiu conferencias en universidades e institucións gobernamentais por todo o mundo, é consultora en temas de medio ambiente e seguridade alimentaria e fundadora e directora de New Dawn Traders, unha asociación de artistas e cociñeiros que traballan por lograr cambios no transporte de mercadorías mediante a navegación a vela. Cruzou o Atlántico dúas veces e representa a Universidade de Exeter no Campionato Universitario de Navegación a Vela. É a primeira vez que vén a España contar a súa experiencia como muller, científica e activista a bordo desta expedición.
http://festivalmardemares.org/portfolio/exxpedition-unha-aventura-de-mulleres-que-aman-o-mar/
Para máis información sobre o festival podes descargarte este folleto na seguinte ligazón: Folleto festival Mar de Mares