30 Abr Sofía Toro volve esta fin de semana á competición no Nacional Italiano de 470
A regatista coruñesa, campioa olímpica en Londres 2012, compite xunto á tamén galega Laura Sarasola tras días de concentración en Barcelona
A regatista galega Sofía Toro, campioa olímpica nos Xogos de Londres 2012, volverá esta fin de semana á competición no Campionato Nacional Italiano de 470, proba na que competirá xunto á tamén galega Laura Sarasola.
Tras a concentración de Barcelona e unha semana de adestramentos en augas coruñesas, as regatistas viaxaron onte a Italia, onde, ademais de participar no Campionato Nacional, tamén loitarán polo triunfo na Garda Trentino Sailing Week.
“É un sitio ao que tiñamos moitas ganas de ir xa que é famoso polas súas boas condicións, ademais temos oportunidade de poder participar en dúas regatas de nivel mundial no mesmo sitio en moi pouco tempo. O que nos vén fenomenal para continuar acumulando horas de competición e economizar custos”, apuntou Toro.
A campioa olímpica visitou esta semana a exposición que dá nome ao seu barco O Primeiro Picasso. A Coruña 2015: “É unha oportunidade única para coñecer esta parte da obra de Picasso que destaca polo seu realismo, en contraste coas súas obras posteriores. Ademais hai moitos cadros e fotos interesantes a etapa coruñesa”.
Pola súa banda, Laura Sarasola mostrou a súa ilusión por competir xunto a Toro nas dúas regatas italianas: “Estivemos adestrando duro durante estas semanas e temos moitas ganas de volver competir, sabemos que vai ser difícil pero temos moita ilusión e moitas ganas de facelo ben”.
Galiciaé.com
Diario de Pontevedra
Sorry, the comment form is closed at this time.